Sinopsis
Baixo unha gran nube gris nun día de chuvia, Porfiria (72 anos), venezolana radicada en España, e Oriana (22 anos), influencer tamén venezolana e nai solteira, cociñan xuntas arepas mentres esperan a chegada de Daria (27 anos), unha médica ucraína, e Leandro (26 anos), colombiano e apaixonado pola música. Son catro persoas completamente distintas pero que comparten a experiencia de deixar a súa terra atrás para empezar unha nova vida noutro país, con culturas, persoas e mesmo idiomas diferentes. Cada un amósanos un anaco da súa vida e o longo percorrido ao que se enfrontaron desde o momento en que chegaron ata a actualidade. Entre anécdotas, lembranzas, boas e malas experiencias, risas e, sobre todo, moita comida, intercambian entre eles as súas historias e o impacto que supuxeron na súa nova vida. A todos eles úneos a lembranza, a nostalxia e a propia morriña que senten polo seu país, o recordo daqueles días nos que gozaban das súas raíces e da vida que tiveron que deixar tempo atrás.