Sinopsis
O documental A Seara recolle a transformación deste núcleo desde a súa rehabilitación, así como a impresión tanto de arquitectos como de veciños, unha vez transcorridos máis de doce anos. A Seara, unha pequena aldea do Courel situada ao pé do pico de Formigueiros, foi obxecto dun proceso de rehabilitación. Tratábase de actuar sobre aquel núcleo para preservar o seu carácter urbanístico e arquitectónico e, con isto, contribuír a revitalizar un lugar que, coma tantos outros, estaba en risco de esmorecer. Para levar o proxecto adiante, era imprescindible a complicidade dos veciños, que habían de asumir unha parte do custo da rehabilitación. Aquel proceso tivo lugar entre 1999 e 2004. Dez anos despois, os seus protagonistas -os habitantes da aldea, os arquitectos do estudo Gau- rememoran aquela experiencia que os marcou e que marcou a vida da Seara. É unha experiencia con luces e sombras. Non todo saíu ben. Non se garantiu que no futuro -o noso presente- non se fose estragar moito do conseguido entón. Non se acadou para A Seara o obxectivo de que fose declarada conxunto de interese etnográfico. Por outra parte, hoxe A Seara amosa unha face ben máis atractiva que as máis das aldeas da contorna.