Sinopsis
No se oye é un traballo colectivo no que o alumnado quixo documentar a historia da antiga casa de maternidade anexa ao Hospital de San José, onde actualmente está o Centro de Formación Audiovisual de Lugo, e nel dan conta dalgunhas historias de abuso e dor que se viviron alí en tempos onde as desigualdades sociais eran moi fondas e os dereitos das mulleres, menosprezados. O propio título No se oye, frase escrita nun dos informes manipulados que o alumnado documentou, é unha proba do ocultismo, da manipulación e dos moitos anos que a verdade leva silenciada. O Centro de Formación Audiovisual de Lugo (antes chamado Fundación TIC) leva a cabo un proxecto educativo baseado na formación práctica do alumnado, desenvolvendo proxectos nos que o profesorado recrea escenarios reais para poñer en práctica todo o aprendido de xeito profesional. Este documental, No se oye, gañou o Premio á Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escuelas de Imagen y Sonido no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.