Sinopsis
Cando alguén morre, sempre quedan preguntas sen facer. Aquí percorremos a vida e a obra de Xesús Chichi Campos, pioneiro do cómic galego, loitador antifranquista, galerista e humorista. En definitiva, unha das figuras máis esquecidas da cultura galega. E é que, cando morreu, deixou un fillo que só tiña once anos e moitas preguntas que, trinta anos despois, responde neste documental. Nico Campos (Santiago de Compostela, 1979). Nico naceu a unha idade moi temperá e logo medrou. Desde ese momento ata a actualidade, combater o tedio é o seu maior reto, polo que se dedica a afrontar todo tipo de proxectos. Fixo curtametraxes, documentais, videoclips e algún spot de televisión. Escribiu guións para series de televisión; realizacións en directo de concertos, para xente como The Offspring, Bebo Valdés, The Prodigy ou o Padre Jony... Por traballar, mesmo realizou unha campaña electoral. Vídeos seus estiveron en sitios como o CGAC, o MARCO ou o Círculo de Bellas Artes de Madrid, seguramente porque os organizadores non sabían que os fixera el. En televisión tentou subverter a mocidade no «Xabarín Club» e a poboación xeral no programa «Vivir aquí». Actualmente traballa no Departamento de extensión audiovisual da TVG mentres segue desenvolvendo diversos proxectos en espera de poder escribir e protagonizar un musical de Broadway.