Sinopsis
Imaxes documentais que seguen a constante procura do pico emocional dos meus amigos.
Gravado integramente co meu móbil durante quince días en Holanda e sen intervir nas súas accións, o espectador convértese nun membro do grupo. Unha colección de momentos sobre os que atopei a narrativa e a coherencia na sala de montaxe, onde as emocións son reveladas.
Non só me interesan as súas insólitas accións, senón tamén a súa introspección, as inseguridades e contradicións que latexan debaixo de tanto ruído e movemento; todo iso expresado a través de conversas reais que tiveron lugar polo camiño como a forma máis directa de coñecelos.
Sobre estes piares constrúo este proxecto, un retrato de dúas caras da nosa amizade e da vontade de seguir sendo nenos, ás veces agochada debaixo de corpos musculados e actitudes agresivas. Un intento de manter a esencia da infancia durante unha mocidade na que as azoteas dos edificios son o principal escenario.